A Cultura Cajún

Os Acadianos, ou tamén denominados "Cajún", son os devanceiros das colonias francesas de Acadia (situadas en Canadá). Este pobo realizou un movemento migratorio importante cara o sur dos Estados Unidos, aportando unha nova cultura francófona a estados cunha forte cultura "negra" coma Lousiana ou Texas onde misturaron os seus elementos culturais cos propios da zona, dando lugar ao que dende 1980 entendemos como un grupo étnico diferenciado nos Estados Unidos.


Este grupo étnico, tal e como expresamos no parágrafo anterior, procede das colonias francesas en Canadá, sendo un subgrupo de colonizadores que optaron pola non interferencia no conflito militar e político entre os colonos ingleses e franceses. Fronte a este conflito, este pobo mantivo unha relación moi estreita de amizade co pobo indíxena da costa Este de Canadá chamados Micmac, dos cales asimilaron numerosos elementos culturais. Finalmente o pobo cajún foi expulsado da terra na que se asentaba trala vitoria inglesa nas colonias do norte, sendo acusados de deslealdade a Coroa Británica.
O pobo cajún fala unha mistura de francés con expresións negras e rasgos do inglés sureño da zona na que habitan dende hai séculos. Este idioma goza de escasa protección, feito polo cal a poboación cajún aposta pola súa defensa nos centros de ensino, así como a normalización do idioma en tódolos aspectos da vida cotiá.
A este elemento cultural súmase o folclore, de gran importancia na cultura acadiana, misturando o country sureño con instrumentos coma violíns ou flautas, que converten as súas festividades en verdadeiras festas de baile e festexo interxeneracional. Se buscas unha música de fondo que alede ao persoal, podes atopala música cajún en diferentes listas de Spotify, onde tamén atoparás misturas da música Cajún con estilos coma o blues ou o jazz, dando lugar a evolucións moi curiosas neste ámbito artístico.

Tamén cabe destacar a gran gastronomía do pobo Cajún, na que predominan elementos coma o peixe e o marisco, destacando as súas sopas. En Estados Unidos a comida Cajún é unha das máis valoradas pola poboación xeral, xa que esta goza dunha gran calidade e recolle a tradición da alta cociña francesa (de feito, a maioría dos pratos descenden de receitas orixinais bretonas, de onde procedían a maioría dos colonos da zona acadiana). 


En xeral o pobo Cajún ten fama de alegre e divertido, profundamente orgulloso do seu e famoso polas súas familias moi numerosas (o aumento da natalidade no pobo Cajún permitiu a súa supervivencia como cultura). Hoxe en día poderiamos fixala súa capitalidade en Lafayette (Lousiana), a onde tódolos anos acoden miles de turistas a profundizar nunha cultura diferenciada e conformada a base de migracións e períodos históricos convulsos.

Comentarios

Publicacións populares