Recomendacións Musicais para tempos de cuarentena (2)

Continuo esta serie de entradas, na que pretendo amenizala situación complicada que atravesamos como galegos e galegas, cunha serie de recomendacións musicais persoais. Claramente os meus gustos son peculiares, e non todo o que atopes a continuación será do teu agrado, pero estou convencido que atoparás grupos e traballos diferentes aos que estás habituado.

Cabe dicir que é importante escollela música para estes días de reclusión (os que teñades esa inmensa sorte, xa que un servidor traballa máis días e máis horas do habitual). É importante que o traballo escollido non supoña unha euforia desmesurada, pero tampouco que sexa excesivamente depresivo; a música ao fin e ao cabo é emocionalidade, e agora toca apoiarse nas artes como vía de evasión.

- Jorge Drexler "Amar la Trama": para min o disco que marca o legado dun gran artista, profundamente persoal e alegre a partes iguais. Un chute de felicidade e intimismo da man dun dos mellores compositores de fala hispana do momento (como detalle cabe destacar que este CD foi gravado en directo no estudio, obtendo un resultado magnífico).



- Abraham Boba "La Educación": o que fora o pianista de Nacho Vegas e actual cantante de León Benavente tivo unha etapa pouco coñecida en solitario, pero profundamente boa para os que gustan dunha música recollida e cálida. Neste traballo reflicte a filosofía de vida do artista, retratando as súas vivencias cotiás. 



- Vértigo "La Frágil Sensación de Euforia": grupo case descoñecido que non chegou a despuntar no panorama estatal, seguramente motivado pola mistura de estilos e a dificultade de atoparlle un espazo determinado a este sencillo. Poderíamos definilo como un grupo con toques Góticos, Heavys e melodías procedentes do Pop.



- Bushido "Bushido": proxecto temporal de Enrique Bunbury, Carlos Ann, Morti e Shuarma. Unha mistura fascinante de estilos, liñas vocais e musicais.



- Chick Corea Elektric Band "To The Stars": este polivalente artista publica este LP apoiándose en instrumentos eléctricos, que rachan coa súa carreira acústica centrada no piano. Atopamos neste disco unha das obras magnas do jazz progresivo. Unha marabilla.



- Morphine "Cure For Pain": outra obra progresiva dos magníficos Morphine, ideal para escoitar de fondo mentres conversas ou fas labores do fogar.



- Nick Cave "Live From KCRW": non son moi fan dos discos en directo, xa que normalmente perden moito a nivel de produción e non son capaces de misturar a maxia xerada entre artista e espectador. Pero este LP do gran Nick Cave dálle a volta a tódolos prexuízos conseguindo unha obra bestial en canto a son. 
                         

Comentarios

Publicacións populares