MEGA o Museo de Estrella Galicia
O pasado Domingo visitei ca miña familia o Museo de Estrella Galicia que recentemente abriu as súas portas na cidade Ártabra, experiencia que relatarei na entrada de hoxe.
En primeiro lugar cabe sinalar que este é o meu terceiro museo cervecero dunha gran industria, xa que no pasado visitei o Museo de Heineken (Amsterdam) e o Museo de Guinness (Dublín); así coma numerosas bodegas artesanais da xeografía ibérica. Polo tanto, entendo que a miña opinión, pese a non ser sinónimo de autoridade de ningún tipo, está baseada en experiencias que permiten avaliar o museo no seu conxunto.
O espazo MEGA non é un gran museo en canto a dimensións se refire, xa que só consta dun edificio disposto en tres plantas anexas a fábrica. Este feito non repercute na calidade do mesmo, xa que a distribución dos espazos están sumamente coidados, permitindo realizala visita guiada sen que esta sexa tediosa. O que destaca principalmente é a interactividade de tódalas salas, onde mediante a pulseira identificativa un pode descubrila historia da cervexa en xeral e de Estrella Galicia en particular.
A formulación do museo lembroume moito a distribución dos elementos cerveceros da fábrica de Guinness (claramente nun formato máis humilde e reducido), xa que a visita xira en torno ao produto de elaboración, degustando a malte e lúpulo empregados, focalizándose na auga e visitando a clásica "sala branca" onde a empresa en cuestión presume da calidade da súa levadura.
Posteriormente un contempla os diferentes elementos de preparación, pudendo probalo mosto cervexeiro así como a "cervexa verde" previa ao produto definitivo a venda. Sorprendeume gratamente unha pasarela que conecta o museo ca liña de produción da fábrica, elemento non presente noutros museos de renome.
A todo este circuíto de elaboración súmanselle un par de salas onde analízase a publicidade desenrolada por Estrella dende 1906 e os diferentes formatos de etiquetado, distribución e compoñentes do vidro (todo elo misturado ca importancia do Deporte na expansión de Estrella Galicia).
Como guinda ao pastel remata cunha cata de 5 cervexas onde destaca a presenza de empresas artesanais con colaboración directa de Estrella Galicia e unha consumición gratuíta de calquera dos produtos da empresa.
Como parte positiva destaco a gran presenza e promoción de Galicia ao longo de todo o museo, onde a denominación propia da Patria adquire un papel protagonista. Como parte negativa destaco, contraditoriamente, a imposibilidade de realizala visita guiada en Galego.
Trala visita acudimos, coma sempre, a Riazor a contemplar de novo unha mala actuación do primeiro equipo da Galiza.




Comentarios
Publicar un comentario