KEVI 2533 OFFICE CHAIR

A marca NN07 (No Nationality 2007) é un dos meus referentes en canto a moda. Esta marca caracterizada polo seu corte clásico e sobrio procede de Dinamarca, elaborando prendas dunha gran calidade en canto a tecidos e deseños urbanos; a todo isto súmaselle unha web onde aportan noticias e crónicas estilo blog, o que fai do seu espazo virtual unha experiencia diferente a outras marcas de primeiro nivel.
Fai poucos días "saltou" unha novidade que deixoume impresionado, e foi a elaboración dunha cadeira de oficina en homenaxe a mítica cadeira KEVI deseñada por Jorgen Rasmussen (Odense, 1931). Este arquitecto, coñecido hoxe en día por darlle nome as cátedra KEVI, realizou dita cadeira en 1958, pero non sería ata 1968 cando mudou o mundo do deseño de interiores. Esta innovación non é outra que a dobre roda incluída na súa cadeira KEVI (presente hoxe en día en tódolos mobles e cadeiras movibles) que aportaba maior mobilidade e menor presenza de raiazos no chan do fogar.
Cabe destacar ca o deseño de Rasmussen está inspirado na icónica escola Bauhaus (dirixida por grandes figuras da historia da arte coma Gropius, Meyer ou Vand der Rohe), característica polas súas producións en serie profundamente ligadas co construtivismo soviético, feito polo cal esta escola sufriu unha represión constante polo nazismo alemán. Cando un analiza a cadeira KEVI a mente chega a unha imaxe dun dos emblemas da Bauhaus: a cadeira Wassily.
Esta versión por NN07 rende especial homenaxe a toda esta tradición de interiorismo, respectando a creación orixinal e aportando elementos característicos coma o uso da pana no forro ou o color caqui coma guiño a influencia asiática da marca. A base da cadeira realizouse en madeira de carballo cálido.
Esta edición é completamente limitada, constando de 7 pezas numeradas e serigrafiadas co icónico punto non xeométrico da marca danesa.



Comentarios

Publicacións populares