High Fidelity
Un tema de conversación recorrente nas miñas noites de Pub, entre xogos de diana e conversacións vanais, pasa pola diferencia que sufriu a música dende a informatización da mesma. É innegable que plataformas como YouTube, Emule, Ares, Spotify, etc. achegaron a música a tódolos rincóns do planeta, permitindo o acceso a un número infinito de artistas sen necesidade de inverter cartos nun elemento tan humano coma é a cultura musical.
Estes beneficios contrastan cunha época recente, pero xa pasada, onde moitos rapaces acudíamos a nosa tenda de discos máis cercana a argallar e decidir en que novo sencillo invertila nosa paupérrima paga. Moitas veces o boca a boca decantaba a nosa decisión, pero tamén existian innumerables revistas onde contrastar diferentes eleccións; e se tiñas sorte, o propietario da tenda "pinchaba" algún vinilo de interese para axudala túa decisión.
Outro elemento perdido é a importancia do Álbum, a composición en conxunto e non en singles, dotando a obra en cuestión dunha historia e permitindo licencias coma oberturas ou transicións na composición.
Tralo carto invertido un chegaba a casa ansioso por escoitala nova creación do grupo elixido, convertendo nun plan en si mesmo o feito de escoitalo LP. A música era o obxectivo primario, sen videoclip que o ambientara, nin campaña de marketing que influíra na túa percepción da obra; só eras tí e a música (feito impensable a día de hoxe).
Boto de menos esa sensación e a mesma vez adoro degustala música sen necesidade de inverter os meus aforros mais do necesario, elaborar listas, descubrir novidades sen necesidade de asumir riscos e focalizala miña afición no colecionismo de vinilos ante obras xa contrastadas.
Como dirían posteriormente na magnifica película de Stephen Frears "Alta Fidelidad": ¿Qué fue primero: la música o la tristeza? ¿Me dio por escuchar música porque estaba triste? ¿O es que estaba triste porque escuchaba música? ¿No te convierten todos esos discos en una persona de tendencia melancólica?.



Comentarios
Publicar un comentario