Detrás de la Portería
Os tempos pasan, o vello morre e o novo imponse. Lei de vida dirán algúns, pero esta realidade non é aplicable ao movemento xuvenil das gradas de fútbol, que manteñen as súas formas tradicionais de expresión sen importala década ou o milenio.
A medida que un
crece decátase de determinadas derivas da política comunicativa das empresas,
organizacións políticas, sindicatos, etc. Unha delas é a ausencia xeral de
cartelería, panfletos, pegatinas, revistas ou medios físicos de difusión; o que
no seu día foi unha realidade, agora pasou a mellores tempos grazas as redes
sociais e a presenza informática nos fogares.
Pero ao igual que
co fenómeno dos vinilos, as gradas de animación e grupos Ultras, ao longo de
Europa, envellecen como o bo viño, mantendo os seus métodos de expresión
tradicional que tanto impresionan aos meniños e meniñas que percorren as gradas
da súas vilas e cidades, garantindo así un relevo xeracional que mantén as
tradicións comunicativas dos seus antergos.
Dentro destas
vías comunicativas destacan os fanzines, sendo o medio de expresión escrita de
referencia para o conxunto de grupos de fútbol, manténdose moitos deles vivos
dende as formacións das gradas ultras en España a finais dos 80 e comezos dos
90. Estes libretos, normalmente cutres e formados por un conxunto de follas
grapadas, constitúen o principal medio de expresión das novas xeracións,
reflexando os seus intereses, recomendacións e algunha que outra viñeta cómica
ou ameazante (por un Euro ou dous faste con un na grada, ou no local de
referencia, ningún segredo).
Pero dentro da
escrita houbo unha perda que supuxo un antes e un despois nas gradas do Estado,
e esta era a revista Súper Hincha. Un clásico dos fanáticos das gradas dos anos
90, sempre a punto no quiosco de referencia por uns cantos centos de pesetas
(ou o que fora no momento), onde informábaste das novidades, da pelexa do mes
ou do novo tifo dunha grada do outro punto da península. Iso si, unha revista
que fedía a dereita política e cunha liña editorial facciosa.
Trala súa desaparición,
os fanáticos dos gradas quedaron orfos de referencia escrita a nivel global,
refuxiándose nos seus fanzines e proxectos persoais. Pero tras moitos anos uns
rapaces Vallekanos deciden tomala iniciativa e plasmar nun novo proxecto, ben
coidado e editado, toda esta tradición de anos e anos de vivencias nas gradas.
Surxindo así “Detrás de la Portería”.
Este proxecto, de
marcada liña antifascista (coma debe ser), mellora en cada número que pasa,
aportando máis contido e calidade que nos primeiros andares do proxecto. Tal é
o seu éxito que esgótase cedo, tanto na web coma nos postos de material dos Grupos
antifascistas do Estado, dificultando aos coleccionistas reunir tódolos números
nas súas casas, pero mantendo viva a chama da lectura e o contacto entre
gradas.
Neste derradeiro
número (o 8 concretamente) desfrutamos dunha entrevista en profundidade aos
Bukaneros do Rayo Vallecano, pechando así o círculo a unha serie de gradas que
marcan a diferenza política coma son os Riazor Blues ou Indar Gorri.
Non esperedes, xa está nos vosos locais de referenza.



Comentarios
Publicar un comentario