Los Chikos del Maiz

Hoxe falaremos do grupo de Rap Valenciano que xera tanta polémica nas diferentes correntes de pensamento presentes en España. O seu estilo marcadamente político (Comunista) contrasta cun estilo musical no que o protagonismo da clase traballadora sempre tivo unha influencia significativa, pero que aportaba unha visión das problemáticas sociais contempladas dende unha óptica moito máis individual.

O grupo de Toni e Nega supuxo toda unha revolución no panorama do rap español, destacando pola súa singularidade. Un estilo propio que antepoñía a ideoloxía ao arte ou as reflexións e vivencias persoais, xogando coa provocación e as referencias político-culturais que permean a ideoloxía do dúo valenciano. Este estilo diferenciado supuxo un éxito do grupo en determinados ambientes, xa que non crean un produto para "Todos los Públicos", senón que interpelan a un nicho social concreto que comulga ideoloxicamente coas posturas do grupo.

Artisticamente, sempre dende a miña opinión, existe unha clara descompensación entre os membros do grupo, tendo como líder do proxecto ao Nega, personaxe máis irreverente ao que toca recoñecerlle certa mestría a hora de expresarse e crear "barras", fronte a un Toni que carece de liderazgo e brío na composición, xerando unha sensación de aburrimento na maioría das súas partes. Aínda así, toca recoñecer que Los Chikos del Maiz non son unha gran banda no plano artístico, compensando dita carencia con posta en escea e actitude.

Agora ben, tocaron teito no seu plástico "Pasión de Talibanes", que supuxo a confirmación do grupo nos escenarios e no estudo. Dende a edición deste LP a banda xa non era un grupo minoritario ao que só chegaba un público politicamente organizado, senón que atoparon un oco en tódolos festivais referentes do seu estilo (tamén destaca a súa inclusión en festivais que non acollían tradicionalmente grupos de Rap, pero que si coincidían no discurso político do grupo).

A partir deste momento comezou unha nova etapa para Los Chikos del Maiz, onde o "egotrip" cada día tiña máis forza na autoconcepción do grupo, o abuso de drogas supuxo unha baixada de calidade moi importante no directo (na hemeroteca está o "fantástico" concerto que fixeron para La Tuerka en Madrid) e o xurdimento de Podemos provocou unha ligazón do grupo co partido político moito máis estreita do que este tivera con Izquierda Unida durante anos anteriores.

En xeral eu atopo un grupo sen graza, no que de cando en vez o Nega compón algo potable dende o punto de vista musical, pero que resulta tremendamente repetitivo na composición e na temática. De feito a sensación de que a Banda emprega a música como panfleto para a consecución dunha finalidade política cada día é máis evidente e preocupante. A repetición, as incesantes referencias a autores e obras e a presenza do Toni converten a Los Chikos del Maiz nunha especie de novos Boikot de mercadillo para festivais de segunda liña.

Penso que atopámonos ante un caso máis de advenedizos musicais, que estoupan como proxecto pola súa singularidade, pero que carecen de "arte" para plasmar na obra algo máis que a súa cosmovisión. Aínda así toca recoñecela valentía do que aposta por un proxecto ata o final.



Comentarios

Publicacións populares