Pensamentos Intrusivos

A racionalidade e a sentimentalidade son rasgos humanos característicos que determinan a nosa forma de entendelo mundo e o noso enfrontamento a adversidade. No meu caso esta "bendición" biolóxica mestúrase cunha sensación constante de culpa, nervios e demais experiencias biolóxicas negativas que inflúen na nosa percepción da vida e a felicidade.

Está claro que esta dicotomía mental inflúe en tódolos seres humanos nun grado ou outro, aínda que no meu caso persoal tórnase nunha sensación de sufrimento e pensamentos "enquistados" que non atopan unha saída sinxela (tan só remitindo en momentos puntuais). En xeral esta clase de problemáticas denomínanse ansiedade, provocando o consumo temporal ou crónico de estabilizadores de serotonina e diversas benzodiacepinas.

Que fale dende as miñas carnes é unha cuestión de óptica persoal, xa que son consciente que sufro unha enfermidade mental non illada, senón que reprodúcese nas vellas e novas xeracións coma unha pandemia asfixiante. Seguramente este feito relaciónase cun mundo cambiante e depredador onde os estímulos son constantes e as expectativas sociais, que atribúense a unha vida saudable e produtiva, non son realizables nun sistema terciario, coma o espanhol, onde o emprego e as expectativas escasean.

A terrible realidade dos pensamentos intrusivos supón darlle voltas a unha idea (normalmente negativa) ata desvirtuala e descontextualizala. É moi normal que se tes esta doencia atopes focos de preocupación en nimiedades (ou incluso en feitos inventados) que a cada momento que pasan incrústanse coma un carracho mental; de feito é habitual que aínda que afrontes o mesmo pensamento dende diversas ópticas as conclusión sexan as mesmas: unha situación crítica de non retorno onde todo o social vense abaixo e quedas orfo de alegría e gañas de vivir (por non mencionar o clásico "estou tolo").

As recomendacións psicolóxicas habituais pasan por explicalo paciente que a única maneira de evitala intrusión dun pensamento negativo pasa por non resistirse a esa idea, naturalizala e que sexa o teu propio corpo a que a asuma e a relativice. Valentes gilipollas que aportan un gran consello que terá sentido ante unha persoa equilibrada e emocionalmente estable, pero para unha persoa enferma sería como dicirlle a unha persoa que morre de fame que a solución pasa por comer.

Dende a miña experiencia os mecanismos de defensa que desenrolei ao longo do tempo son tiritas que axudan a sobrelevalo sufrimento durante o tempo no que persista o pensamento no cerebro, pero nunca a eliminalo (non existen milagres en cuestións de saúde mental). Estas "tiritas" son elementos tan sinxelos coma introducir exercicio físico, evitalo exceso de cafeína, alcohol e drogas ou atopar elementos distractores que minimicen os efectos da ansiedade como a meditación ou a lectura.

En conclusión, unha persoa con esta patoloxía só lle queda asumilo, normalizalo e esforzarse para controlar as fraquezas que cada un leva as súas costas. Esperemos que pouco a pouco o coñecemento sobre un mesmo permita desfrutar dunha vida máis plena e feliz, sen altibaixos, onde ata dos malos momentos sexan desfrutables como parte ineherente a vida.



Comentarios

Publicacións populares