O Poder do Fútbol (1)

Actualmente non existe país no mundo que non coñeza o fútbol, que non o xogue ou quen non recoñeza a súa superioridade internacional fronte a outros deportes (cada Estado ten as súas características, pero é innegable a importancia do fútbol máis alá dun deporte de 22 xogadores que lle dan patadas a un esférico).
Esta entrada non persigue definilos orixes do fútbol, falar dos ideais isabelinos cunha visión do deporte desexable nas clases altas ou analizalo xogo despregado sobre o campo por calquera equipo. En cambio, procedo a analizar, dende un punto de vista persoal e subxectivo, os condicionantes que converteron un deporte máis nun fenómeno de masas que transcende clases sociais, culturas e relixións.
Como primeiro elemento cabe destacala gran facilidade deste deporte para triunfar en calquera clima ou contexto social, xa que fronte a deportes con un gran número de condicionantes de xogo, o fútbol amateur non precisa máis que de dúas persoas, un par de pedras e unha lata (camiseta enrolada, outra pedra, unha válvula, tripa de porco cosida, o que sexa...). Esta facilidade permite que rapaces e rapazas de todo o mundo aprendan a xogar e incluso destaquen nalgún momento da súa vida, premiando ao conxunto de clubs do mundo de diversas nacionalidades e orixes sociais.

O segundo factor pasa pola articulación dos equipos, sendo clubs que non só xogan a un deporte, senón que representan os valores da masa social que os acompaña. A formación de clubs nos barrios, nas cidades ou as selección nacionais permiten unha vinculación popular as cores dun club, representando, máis acertadamente ou non, o orgullo de pertenza dunha comunidade humana. 

Este feito é terriblemente polémico, xa que desta realidade nace un elemento en gran debate: a política e o fútbol. Este debate, principalmente mediático, non ten sentido algún, xa que entendemos que os 11 xogadores dun equipo representan unha idea superior a eles mesmos. Polo tanto a hexemonía política e social dunha comunidade ten un correlato nun espacio de masas de tal magnitude coma un Estadio. É imposible imaxinar un partido de seleccións entre Irlanda e Inglaterra que non supoña algo máis ca un enfrontamento deportivo, non se pode entender un Madrid-Barcelona sen entender a importancia das cidades no Estado Espanhol e as diferenzas políticas entre ambas sociedades (exprésense mediante urnas, estética, idioma ou equipo de fútbol)

Polo tanto o fútbol un deporte que vai máis alá do puramente estético ou obxectivo, senón que atopamos unha válvula de escape popular que dá saída a conflitos enquistados que durante 90 minutos teñen unha translación cuase bélica nun terreo de xogo cunhas normas ben definidas.

O que está claro é que o fútbol non é o deporte máis bonito, máis complicado ou máis emocionante; pero ao mesmo tempo nunca morrerá, xa que articula sentimentalidade e paixóns que atopan nun xogo regulado un espazo máis de expresión, irmandade, reafirmación e violencia.

Como derradeiro punto quero destacar a evolución actual das afecións, xa que representan un dos poucos espazos colectivos de masas aceptados interxeracionalmente como positivos ou naturais, fomentando unha socialización que racha cos paradigmas actuais, atopando no fútbol algo máis ca unha diversión, constituíndo unha tradición popular como tal. A isto súmaselle unha nova dinámica que cada día cobra máis importancia política: o fútbol provoca un éxodo rural moi importante cada 15 días ao Estadio de referencia, conectando dúas realidades antitéticas que conviven en tódalas sociedades do mundo (idea que retomaremos na seguinte entrada a este análise persoal do fútbol como expresión humana).

 


 River Plate- Independiente Santa Fé (Copa Libertadores 2018)

Comentarios

Publicacións populares