Eleccións Galegas

Tralo percorrer dun ano axetreado por numerosas crises económicas e sanitarias, convócanse eleccións nunha nova normalidade que non garante unha recuperación a longo prazo. Neste contexto chegamos a uns comicios onde a pelexa dáse no marco da oposición, e non tanto no partido gobernante.

O Partido Popular de Galicia chega cunha vantaxe importante, repetindo un candidato xa coñecido pola poboación galega e plenamente asentado na estrutura dun partido que non resposta as estratexias do PP nacional, modificando a liña discursiva e adaptándoas a realidade concretas da Galiza. Este feito é fundamental para entendela realidade que acontece no país, xa que a dereita acude cun discurso rexionalista onde a importancia do partido é nula, centrando tódolos esforzos no reforzo do candidato e lemas rexionais que confrontan coa estratexia xeral do PP.

Polo outro lado atopamos unha amalgama de siglas encabezado por un PSOE novamente desestruturado, incapaz de amosar unha unidade na federación galega; xa que o PSdG non existe como tal dende a experiencia Touriño, retornando a un Partido Socialista descabezado onde cada estrutura municipal pelexa polo seu (a todo isto súmaselle un candidato descoñecido para a maioría dos galegos).
As chamadas Mareas Galegas acoden fracturadas en dúas patas, unha baseada na estratexia continuísta do traballo realizado no Parlamento Galego con Luís Villares a cabeza, e outra que responde aos intereses estatais de Podemos da man de Gómez Reino. Todo cheira a unha baixada moi importante como "premio" aos derradeiros anos de conflitos internos, sumado a unha conxuntura onde Podemos participa do Goberno do Estado en minoría, resultando prexudicados pola súa xestión en canto a Galiza nos últimos Presupostos Xerais (resultando profundamente deficitarios para os intereses do país).

Por último o BNG con Ana Pontón como candidata con máis opcións de arrebatarlle a Xunta a Feijoo, sendo a única oposición efectiva na última lexislatura. Aínda así ao Bloque pésanlle unhas siglas queimadas ao longo dos anos que non rematan de sumar unha maioría con capacidade de Goberno. Pese a isto a tendencia é evidente: un BNG en recuperación tras uns anos moi complicados coa única candidata con capacidade de confrontar politicamente con un político xa veterano coma Feijoo. 

Para finalizar toca resumilo exposto cunha aposta persoal: evidentemente estas eleccións favorecerán, novamente, a un Feijoo reforzado pola xestión da crise do COVID-19; cunha oposición da que aínda descoñecemos quen será a forza máis relevante (pelexa con dous púxiles claros: o PSdG e mailo BNG), deixando as vellas Mareas coma forzas pouco relevantes ou incluso inexistentes. 


Comentarios

Publicacións populares