Hunters

Sempre gostei das obras audiovisuais que manteñen o clasicismo filmográfico pero que innovan no argumento, dando xiros medidos e non sempre sinxelos. Esta serie producida por Amazon Prime é un perfecto exemplo deste xénero de películas, onde o drama compleméntase coa comedia nunha realidade que mistura elementos reais con ficticios.

Como primeira idea amosarei a miña grata sorpresa con Amazon Prime, unha plataforma na que non tiña confianza algunha (seguramente influído polo bo traballo da competencia) pero que ultimamente péchame os fouciños de cando en vez. As súas apostas son moi arriscadas, nunca atopas o que buscas nin nada polo estilo, pero todas son entretidas e algunhas magníficas a nivel técnico. A serie Hunters recolle esta tradición e a pon en funcionamento.


Cando un mira os primeiros minutos de rodaxe, sen información previa do que está a consumir, podería xurar que esta serie a dirixe Martin Scorsese. Os planos son sempre fixos, aproximando o zoom aos elementos das estancias, a recreación histórica impresionante e as cores cálidas coa madeira como elemento común. As personaxes comezan cunha presentación profundamente misteriosa, interesante e intrigante; un xuraría que o misterio marcará toda a trama, pero non é certo.

Todo o que un contempla no primeiro episodio (ollo, dunha hora e media), e o motiva a pulsalo play do segundo capítulo, vense abaixo na segunda escena. Estes xiros non son forzados, senón plenamente motivados pola evolución da trama; manténdose constante a sorpresa en cada capítulo da primeira temporada.

Todos estes elementos arrancan nunha realidade neoirquina dos anos 70, onde o espectador aprende dunha das culturas máis importantes da "Gran Manzana", coma é o xudaísmo tantas veces representado por Woody Allen dunha forma cómica e irónica.

Como parte negativa da serie destaco a dobraxe ao castelán, sendo curioso que ca gran tradición e profesionalidade da dobraxe ao castelán en España, este sexa de tan baixa calidade. Xa me contaredes que vos parece, pero eu xa son fan do traballo de David Weil. 


Comentarios

Publicacións populares