Socialismo Real
Unha das grandes problemáticas dunha ideoloxía radica en que un non pode escollelas partes que lle gustan e non atender as que lle desgustan (realmente un pode facelo, amosando así unha mostra de madurez, pero isto non vale na aplicación do Socialismo Real, xa que todo o modelo baséase na acción colectiva e na unidade de acción).
A realidade é que existe unha proba empírica de que o Socialismo Real foi a única ideoloxía de raíces obreiristas que triunfou ata os niveis de disputalo poder e exercelo, xa que as experiencias anarquistas e utópicas foron eficaces a baixa escala pero sempre resultaron interrompidas por agresións externas ou internas (unha das características principais destes movementos e que non tiñan capacidade de mantelo poder a través da forza, sendo completamente ineficaces nunha disputa de modelos socioeconómicos).
Ao igual que aceptamos unha vitoria do Comunismo na Unión Soviética, China ou Cuba, tamén é certo que toda esta experiencia (claramente máis que gratificante na obtención de dereitos para os traballadores e aumento do benestar global) resultou fallida. Isto é unha verdade irrefutábel que non ten discusión algunha, xa que a caída da Unión Soviética propiciou que tódolos Estados de economía planificada reconverteranse nun novo modelo: O Capitalismo de Estado.
Realmente a dificultade de "superalo" capitalismo como modelo é un reto case imposible, xa que non só chega con analizala realidade dunha forma adecuada, senón que precisas de condicións obxectivas e subxectivas propicias, estrutura organizativa e, sobretodo, sorte.
O factor sorte é fundamental, xa que require estar no lugar correcto no momento correcto e que todas estas circunstancias desemboquen nunha vitoria parcial que permitan acadar parcelas de poder. A este elemento súmaselle a capacidade dirixente do momento, o contexto internacional, o poder militar e a unidade ideolóxica interna (tarefa nada sinxela).
Con isto o que pretendo expresar é que evidentemente o anticapitalismo está obrigado a contemplala obra política de Lenin como resultado da transformación dunha filosofía pura en praxe, aprender e actualizalo contido. Pero sen esquecer que o socialismo real fracasou, e polo tanto a posibilidade de vitoria precisa dun novo camiño non percorrido ata o de agora. A boa nova é que o sistema capitalista debilítase a medida que as contradicións da sobreprodución, a sobrepoboación e a emerxencia climática agóchanse a volta da esquiña.
Mentres tanto o mundo ten que decidir entre as únicas opción posibles ata o día de hoxe: o capitalismo globalizador nunha fase imperialista ou un capitalismo de Estado sustentado na pertenza a unha nación cuns valores determinados. Nesta pelexa é onde está a actual disputa, dificultando as opcións do anticapitalismo, xa que non é capaz de acadar un consenso real en torno a que modelo prefire.
Todo isto o enlazo cunha pregunta que hoxe en día toda a xente debería plantexarse: Cómo xestiona a esquerda transformadora un contexto onde por un lado optas pola crítica a globalización do polo occidental americano-europeo, e polo outro oposte a medidas coma o Brexit onde a disputa da soberanía nacional a encabezan colectivos facciosos e profundamente identitarios?
A modo de conclusión cabe sinalar que a miña postura persoal é que hoxe en día non existe liña política que poda evitalo debate do Estado-Nación como forma de organización social. Nesta "presa" teórica existen numerosas fugas que obrigan a tomar unha decisión veloz, xa que por elas flutúa unha nova ola de fortalecemento nacional en clave facciochovinista.
"Los guerreros victoriosos primero ganan y después van a la guerra, mientras que los guerreros vencidos primero van a la guerra y después buscan ganar"
Sun Tzu



Comentarios
Publicar un comentario