Sex Education
O meu escaso tempo de ocio permitiume a oportunidade de contemplala segunda tempada da serie orixinal de Netflix, creada pola Directora británica Laurie Nunn, Sex Education. Esta serie, de temática adolescente, aborda o complexo problema da sexualidade nun instituto británico ficticio sumado a realidade social dispar dun amplo espectro de protagonistas.
Esta obra destaca por incorporar unha estética novidosa que, ao meu parecer, peca de idealización, amosando unha localidade idílica digna dunha mistura da "Comarca" do Señor dos Aneis e a fantástica casa na praia en Malibú de Barbie. A este feito súmaselle unha iluminación que non remata de convencerme xa que, ao igual que en "Atípico", o exceso de iluminación inflúe nunha falta de calidez na imaxe que transporta ao espectador a unha das clásicas películas xermanas cutres de Antena3 (iso si, a banda sonora merece tódolos eloxios pola miña banda).
En xeral é unha serie moi entretida, ningún minuto de metraxe sobra e todo aporta ao argumento, pero peca dun dos problemas clásicos das apostas adolescentes de Netflix: a inclusión de tódalas "minorías" posibles, aínda que estas non se acoplen a trama principal. As veces xera a sensación de que a realidade política actual refléxase dunha forma impostada nun guión, o que convirte en predecible moitas dos supostos "xiros" argumentais. Aínda así a temática é máis que saudable para as novas xeracións, xa que amosa sen prexuízo algún realidades moitas veces silenciadas e ocultas.
En resumen: unha serie recomendable para un plan de domingueo, pero carente de orixinalidade. O que si destaca é unha metraxe magnífica das campiñas de Gales, nación normalmente esquecida a nivel cinematográfico pero tremendamente interesante.



Comentarios
Publicar un comentario