The Irishman

Tras visualizalo largometraxe do premiado director Martin Scorsese decidín realizala segunda crónica do blogue dunha película tralo seu estreo. Ao igual que na citada película "Érase una Vez en Hollywood", esta creación de Scorsese destaca por unha ambientación e fotografía impresionante, onde tódolos detalles da época son respectados e postos en valor, amosando unha vez máis o gran traballo de documentación do equipo de dirección (ao que se suma un presuposto máis que relevante).
Fronte a película de Tarantino esta non ten nin un minuto máis da metraxe necesaria, xa que as case 4 horas de duración están plenamente xustificadas, aportando en todo momento elementos significativos a este drama vital sobre as experiencias dun irlandés integrado na mafia italiana nos Estados do leste de USA. 
Esta obra non é unha simple película de tiroteos onde os mafiosos adquiren unha imaxe coase heroica, se non que a trama subxacente céntrase no devir vital e humano dunha familia que sae adiante pola total falta de escrúpulos do padre de familia, que en todo momento actúa egoistamente, pero mantendo os valores familiares tipicamente italianos en canto a lealdade e a amizade. A todos estes elementos súmase un detonante baseado na elección do protagonista entre o seu benestar e a fidelidade a súa xente. 
De primeiras para un Europeo non é unha película sinxela, xa que a maioría das referencias baséanse nunha división social tipicamente americana como as diferencias morais e conductuais entre diferentes culturas presentes na sociedade do leste de estados unidos(neste caso entre italianos e irlandeses), sumado a importancia relixiosa e xeográfica (quedei gratamente sorprendido das referencias concretas do Estado de Pensilvania onde conviven infinitas relixións e culturas dende a conformación do Estado máis relevante na configuración democrática dos Estados Unidos de America).
Por último destaco un final melancólico, onde o peso das eleccións vitais do protagonista agochan a tristeza de quen se gañou a vida coma puido tras vivila guerra máis cruel da historia da humanidade (con toda a carga moral que esta supuxo), onde o peso da soidade mistúrase cunha firmeza nos valores que marcaron a súa vida.
Recomendo dende aquí a visualización do filme e, sobre todo, a brillante actuación de Joe Pesci (sendo para min o mellor das catro horas de duración desta marabillosa experiencia).



Comentarios

Publicacións populares