o equipo da Galiza
Pertenzo a esa xeración que creceu co mellor Depor da historia, ese equipo que marabillou ao mundo enteiro e que puxo A Coruña no mapa (feito do que un decátase en canto traspasa as fronteiras peninsulares). Este equipo comandado por Bebeto, Mauro Silva, Fran, Liaño e tantos outros, xerou unha afición coñecida pola súa bravura e fidelidade a unhas cores que permanecen a día de hoxe.
Certo é que hoxe en día o Deportivo vive unha das súas peores épocas, pero que mantén esa xenética que sempre o fixo especial: un xogo clásico centrado nas bandas, o estadio de Riazor e a súa "Curva Máxica", a que fora a vella grada de General e que a día de hoxe mantén na súa bancada o pulmón de Riazor, os coñecidos Riazor Blues.
Os "Blues" son a grada Ultra do Deportivo, a xente máis fiel e comprometida co escudo da cidade, durante máis de 30 anos un punto de encontro para tódala rapazada dos barrios obreiros da Coruña. Cunha ideoloxía moi marcada, coma é a do Antifascismo, recolle no seu seo varias xeracións de historia de grada, dende os colectivos máis veteranos (coma os Old Faces) ata a rapazada máis xoven e inqueda (Chorbitos RCD).
Esta grada forma parte da cultura Ultra a nivel estético e organizativo, presenza habitual de tifos, organización ampla e diversa e coreografías medidas. Pero ten unha serie de peculiaridades que a fan diferente a moitas outras: por un lado os Blues "coquetearon" cunha estética e posta en escea baseada nas Barras Bravas Arxentinas durante os anos de Lotina e os primeiros descensos, onde os cánticos tiñan ese ritmo froito das caixas e os ventos, eses paraugas branquiazuis na grada con trapos cas cores do equipo, cun posterior xiro cara un grupo máis hermético e duro ao fulgor do asasinato de Jimmy, apreciando unha italianización da curva nos momentos máis duros. Esta especial mistura macérase cunha cultura norteña que achega determinados cánticos e estética ao fútbol inglés.
Fronte a peculiaridade hooligan de Vigo, onde o movemento Skinhead ten especial implantación, a estética da grada dos Riazor Blues é unha marca de indentidade. O coidado estético desta curva é, na miña opinión, a máis elaborada e clásica das hintxadas antifascistas do Estado Espanhol. Pese a certa estética próxima as Barras Bravas de determinados membros, é unha grada onde o casualismo Europeo sentiríase cómodo: marcas italianas coma CP Company ou Stone Island, compañías de ampla implantación coma Lyle and Scott ou Weekend Offender ou a galega Izquierda Casual.
En futuras publicacións falarei da importancia das peñas neste club histórico, a importancia dos símbolos da Coruña no Deportivo, amizadas con outras gradas e historia das figuras máis relevantes. Agora só penso en que chegue o Domingo e gozar cos meus amigos dunha boa previa neste comezo de Liga; entrar pola porta 7 do fondo e gozar ca gran familia de Marathon dun ano máis de partidos, viaxes e historias.




Comentarios
Publicar un comentario