Monsieur Éric

Do mellor que vin na miña vida sobre o verde, un fora de serie do seu tempo, un ídolo para tódalas aflicións que tiveron a sorte de contar con el no seu equipo.
Falo de Eric Cantona, nado en Marsella nun barrio moi humilde, mistura biolóxica sarda e catalana (o seu avó foi refuxiado en Francia tras combatelo fascismo dende o Exército Popular) e odiado e amado a partes iguais. Esta lenda do fútbol marcou un antes e un despois en Manchester (e por non falar de Leeds), xa que o seu carácter transcendía o simplemente futbolístico.
O fútbol é un deporte de corazón no que a calidade non sempre é o máis importante, pero Eric tiña as dúas cousas: clase futbolística e un corazón que conquistaba a quen o vira, pura adrenalina no terreo de xogo. Por iso é lembrado a día de hoxe, porque a súa personalidade dáballe forma a un equipo obreiro que sentíase representado por Cantoná en tódolos aspectos.
Esa chulería, esa violencia, esa sobriedade nas celebracións, ese gol ao NewCastle, esa patada ao racista do Crystal Palace, esa forma tan característica de levala camiseta... Todo en él era grandeza e historia (por algo lle chamaron The King). A día de hoxe o seu nome aínda resoa nas rúas de Manchester.
Recomendo expresamente a súa actuación na película de Ken Loach "Buscando a Eric", onde se amosa a vida e penurias da clase obreira inglesa a través do fútbol e a irmandade.

Comentarios

Publicacións populares