O Desencanto

Hoxe achego a este caderno un filme que marcou certa etapa da miña vida: El Desencanto. Esta produción de Jaime Chávarri afonda na vida da familia Panero, coñecida pola súa relación de parentesco directa co famoso poeta falanxista Leopoldo Panero.
Todo o documental rodouse no pazo familiar de Astorga (hoxe en día fanse visitas guiadas bastante recomendables), no que participan os seu fillos Juán Luis, Leopoldo e Michi, así coma a esposa do poeta Felicidad Blanch (na miña opinión unha muller tremendamente interesante que soubo resistir a unha familia chea de penurias e hipocrisía).
Juán Luís representou unha imaxe continuísta do seu pai, profundamente conservador e carente de talento no mundo da poesía, mentres que Leopoldo pertenceu ao movemento antifranquista, ao movemento vangardista dos novismos e se caracterizou pola súa gran poesía, o consumo de drogas e alcohol ata límites moi elevados e as súas entradas e saídas de diferentes psiquiátricos. Pola súa banda, Michi foi un home limitado en canto as "letras" se refire (aínda así publicou a súa obra e colaboraba con xornais a modo de columnista) pero destacou por ser dono do Pub Universal, sendo un emblema da movida madrileña; este morrería en 2004 abandonado por todos, tras unha vida rodeada de alcohol, drogas e prostitución.
Como último dato, cabe destacar que El Desencanto foi a última obra cinematográfica en sufrila censura durante o franquismo polo seu contido explícito a nivel político e social.


Comentarios

Publicacións populares