Baile Sobre o Ring
Ten certo romanticismo o combate baixo as chamadas normas Queensberry (nome acadado polas normas establecidas por John Sholto Douglas "Marqués de Queensberry", coñecido polo seu ateísmo confeso e as acusacións vertidas contra Oscar Wilde polas súas condúctas sodomitas) que converten este deporte nunha danza equilibrada.
A posición dos púxiles, os careos e a honra son a marca deste combate centenario que influíu a numerosos artistas, músicos e escritores ao longo da súa obra, xa que, ao fin e ao cabo, a ritualística é un elemento que se entende con suma facilidade e xera ese "aura" de misticismo que o espectador busca; ese elemento heroico e primitivo que desperta a nosa paixón dunha forma inexplicable.
Pero no fondo, a maxia surxe cando un contempla o compoñente sociolóxico que acompaña aos boxeadores: a gran influencia irlandesa, a importancia afroamericana en USA e o deporte extremo como mecanismo de integración de minorías. Porque ao fin e o cabo o boxeo forma parte da nosa cultura, non precisas coñecelas normas para sentila emoción dun combate, para percibir que o canalla que se sube ao ring convertese nun "señor" no momento en que encaixa un golpe, no que choca o guante do contrario como símbolo de respecto.
Tralo boxeo agóchanse os vellos valores da clase obreira, a masculinidade e a comunidade. O compañeirismo no deporte individual, o antifascismo e a emigración. Un cuadrilátero non entende de fronteiras nin de razas, tan só de honra, orgullo e dedicación.
Na computadora soa Paint the Town Red do grupo The Mahones, mentres o café amargo saúda ao novo día que comeza.



Comentarios
Publicar un comentario