Bunbury (2): Hellville De Luxe

Nesta segunda entrega sobre a carreira en solitario de Enrique Bunbury centrareime nun dos discos que mudou a miña vida, seguramente non pola música en si (que tamén), senón pola época persoal que vivín cando esta nova obra eclosionou e emerxeu para modificalas miñas pautas musicais.
O Hellville De Luxe supón na carreira musical do "Huracán" un novo xiro de timón, xa que disolveu a banda que o acompañara durante tantos anos e formou un novo plantel máis rockero, autonomeado como "Los Santos Inocentes". Esta nova formación non só aportaría sons máis eléctricos, senón que supuxo unha nova estética da concepción do directo de Bunbury, así como a indumentaria.
Este novo plástico soa a Rock sureño, a rancho de California, a banjo de Alabama e a cine de Serie B de Rob Zombie (concepción moi similar a que posteriormente realizaría M-Clan co seu disco "Delta"). Pero coma sempre o autor non se limita a medios tempos, senón que introduce baladas ornamentadas e estruturas de blues ianqui que moldean un novo éxito na súa carreira.


Esta obra inaugura unha nova época denominada "Canciones desde el Puerto" que continuaría cun dos discos máis intimistas da historia da música en castelán ("Las Consecuencias"), onde o blues cobra forza fronte ao rock sureño, pero sen abandonalos medios tempos en cancións imprescindibles como "Los Habitantes".

"Encontré en la carcel tipos con más estilo que en la universidad"

Comentarios